sábado, 9 de abril de 2016

Diálogos 3 - Evolución da música electrónica - Cap.2 - ISAO TOMITA (02/02/1992)

Isao Tomita no seu estudo.

Novo especial de Diálogos 3. Nesta ocasión, segunda metade do especial adicado aos inicios da música electrónica, un programa emitido o 2 de febreiro de 1992 en Radio 3 [RNE], adicado ao sintesista nipón ISAO TOMITA.

Se na primeira metade deste especial falamos dos instrumentos, nestoutra nos centraremos nos artistas até dar co noso protagonista desta entrada/programa, Isao Tomita.

En 1970, na Alemaña, Ralf Hutter e Florian Schneider, fundan Kraftwerk; ámbolos dous se coñeceran dous anos antes estudando música clásica no conservatorio de Dusseldorf. Nacen cunha visión urbana e industrial do mundo que os rodea, nun contexto de espectacular desenvolvemento industrial e de infraestruturas: rañaceos, autoestradas, electrodomésticos... A música tecno vén sendo o folk urbano, o contemporáneo latexo da urbe.

Na mesma Alemaña Edgar Froese, Christopher Franke e Steve Schroyder, forman Tangerine Dream [TD], que editan o álbum Alpha Centauri [1971] nunha época onde o impacto da carreira pola conquista do espazo protagoniza o panorama músical e a sociedade en xeral. Pola súa banda, Conrad Schnitzler abandona TD para regresar por un tempo a outra das bandas seminais da nova música, Cluster, da que pronto sairá para iniciar a súa carreira en solitaro. Klaus Schulze tamén abandona TD e funda Ashra Tempel. Todas estas bandas se engloban dentro da etiqueta krautrock [ou kosmiche musikxurdida na Alemaña Occidental a finais dos 60, un subxénero do chamado rock progresivo, con moita máis ambición creativa e de matiz contracultural. 

Os 60 foron anos convulsos e revolucionarios. Na Alemaña uns poucos visionarios deciden crear unha identidade social e cultural propia, alonxada tanto da influencia británica coma da falsa identidade alemá creada polas potencias vencedoras na II Guerra Mundial [URSS, EEUU, Inglaterra e Franza], que impuñan unha lei de silencio que borraba da memoria colectiva calquer feito anterior ao 1945. Nese contexto xurde un dos movimentos musicais máis revolucionarios [estética e políticamente falando] da historia da música "popular", o krautrockAqueles xóvenes intrépidos alemás non podían imaxinar que acabarían sendo o xérmolo da "deslavazada" e "hedonista" música electrónica dos nosos días, coma tampouco imaxinan, quen hoxe a disfrutan, que nos seus alicerces están as comunas libertarias de Munich do 1968.

Estes novos músicos usaban elementos do rock sicodélico, experimentaban con "collages" de sons e efectos xurdidos dos novos instrumentos electrónicos, improvisaban, creaban atmósferas, incorporaban elementos da música clásica contemporánea [música concreta] ou mesmo filtreaban co minimalismo da primeira xerazón [La Monte Young], free jazz, avantgarde ou a música oriental.

As bandas daquel krautrock eran ben diversas. Mentres Tangerine Dream realizaban musica planeadora ou space rock, Faust e Kraftwerk exploraban sons máis industriais. Pola súa banda, Cluster [Moebius, Roedelius, Brian Eno] e Popol Vuh, facían unha aproximación ao ambient, que chegada a década dos 80 se popularizou coma New Age. Outras bandas coma Agitació Free, experimentaban con jazz e elementos etnicos.

Naquel movimento krautrock, distinguimos dúas escolas, así chamadas:


1.  A Escola de Berlín,  refírese ao cenario musical na cidade de Berlín Occidental. Entre os músicos máis influintes estaban: Klaus Shculze, Tangerine Dream e Ash Ra Temple. Téndese a identificala coa kosmiche music [música cósmica, planeadora].


2. A Escola de Düsseldorf, referida ao cenario musical en Düsseldorf. O seu estilo se caracterizaba polas melodías sintetizadas e rítmicas liñas de baixo, acompañadas de prominentes percusións electrónicas. As voces eran escasas, sendo pezas fundamentalmente instrumentais. Bandas coma Kraftwerk, Cluster, Can e Neu formaban parte daquel cenario.


O certo é que a popularidade do krautrock foi alta entre os críticos e público underground, mais para o público xeral do momento foi escasa. Agora ben, nos seguintes anos bandas de todo o mundo se verían influenciadas por aquelas formacións pioneiras alemás, recreando, remisturando ou re-inventando aqueles estilos.


De volta a carreira artística dos protagonistas deste momento dóce da "nova música", atopamos a Klaus Schulze, que abandona a banda TD e comeza a súa andaina en solitario co álbum Irrlicht [1972], unha impresionante sinfonía electrónica que ten o mérito de estar composta a partir dun único sintetizador, o Synthi AKS.


En InglaterraPink Floyd están nunha das fases máis cósmicas, co seu album Meddle [1971].

En Grecia, un músico chamado Evángelos Odiseas Papathanassiou, máis coñecido coma Vangelis, se atopa nunha etapa de transición decisiva na súa carreira musical. A banda Aphrodite´s Child disólvese, tras o álbum con referencias bíblicas e pasaxes altamente experimentais 666 [1972], donde o músico Vangelis asume a composición. Desta época é o seu álbum en solitario, fantastica BSO da serie documental adicada ao reino animal, L´Apocalypse des Animaux [1973].

Estamos nos primeiros anos 70. A música electrónica aínda se relaciona coas "viaxes" lisérxícas da LSD e alucinacións de combatentes da Guerra do Vietnam. Mais todos aqueles primeiros instrumentos electrónicos están a punto de se estender aos xéneros máis populares da música: o rock e o pop. Bandas coma Yes, Génesis e Jan Hammer, comezan a incorporalos nas súas gravazóns e directos...

Na URSS, Eduard Artemiev prosegue a súa innovadorda carreira musical, con traballos coma a BSO de Solaris [1968]. Pese ao telón de silencio da época, artistas da Europa do leste comezan a darse a coñecer ao outro lado do telón de aceiro: o polaco Marek Bilinsky, o iugoslavo Laza Ristovski, o alemán oriental Rainer Oleak, e os húngaros Petr Hapka, Gabor Pressor e Laszlo Benko.

Daquela, a tecnoloxía en materia de instrumentos electrónicos avanza de maneira significativa en apenas un par de anos e segue a popularizarse o seu uso en bandas que pouco o nada tiñan que ver con aquel incipente movimento das formacións pioneiras. Un exemplo é o do grupo folk-rock norteamericano, Creadence Clearwater Revival, quen publica algunhas pezas con rasgos inusuais, caso da titulada Pendulum [1970], de carácter experimental.

Volvendo á Alemaña, Kraftwerk comeza a ter éxito, coa publicación do álbum Autobahn [1974] un canto ás autoestradas, que dá a coñecer o tecno en Europa. Nel, cantan ao través dun prototipo de vocoder construído especialmente para eles, como moitos dos instrumentos que utilizan. Se Tangerine Dream popularizaron o secuenciador, na confección de complexos ritmos, Kraftwerk popularizaría o vocoder, logrando voces metálicas que semellan proceder dun robot. O certo é que o vocoder foi inventado nos anos 30 e non tiña na súa orixe aplicacións musicais, senón militares, como codificador/decodificador de voz, para enmascarar ou desenmascarar conversacións telefónicas, coma una parte máis do sistema de "Intelixencia Aliada" durante a II Guerra Mundial.

Tangerine Dream editan o seu estupendo album Rubycon [1975], donde Chris Franke toma un papel relevante na composición. La banda inicia una exitosa xira por Europa, durante a que se crea un dos pilares da nova música eletrónica, o álbum Ricochet. Un alarde de complexidade rítmica coma non se oira até daquela. Pola súa banda o ex TC, Edgar Froese, publica Epsilon in the Malaysian Pale [1975], un complexo e innovador traballo.

A finais dos setenta Conrad Schitzler, colleita un grande éxito co seu Super Sound Single [1980], traballo que augura un brilante porvir á música electrónica máis aló da experimentación e "pirotécnia", ou mesmo fascinación, dos primeiros momentos. 

Deixamos a Alemaña sen marchar de mediados dos 70. En Italia, autores coma Giuliano Sorgini son pioneiros nunha música totalmente electrónica para bandas sonoras de películas de terror. 

En Grecia Vangelis crea o estudio de gravación Nemo Studios que  dará forma a algunha das súas mellores produzóns, o álbum Heaven and Hell [1975], unha das obras mestras da nova música electrónica, onde os aspectos épicos e místicos son os protagonistas, lonxe da oleada cósmica e planeadora do krautrock alemán. Unha proba sonora de que a música electrónica non é sinónimo de frialdade e robótica, se cadra, pode transmitir emocións e sentimentos en igualdade de condicións ca unha orquestra tradicional acústica, coa particularidade de poder crear novos sons e ambientes, coa axuda da tecnoloxía, de aí a consideración de "nova música" cando falamos deste apaixoante periodo da música contemporánea máis "popular".

E chegamos ao Xapón, donde un tal Isao Tomita segue as pegadas de Wendy Carlos adicándose inicialmente a facer versións electrónicas de pezas do repertorio clásico, substituíndo a orquesta acústica polos novos instrumentos electrónicos.


Isao Tomita nace en Tokio o 22 de abril de 1932 e pasa a súa primeira infancia en China. De volta a Xapón, inicia as súas primeiras clases privadas de orquestración e composición mentres estudia historia da arte na universidade. Gradúase en 1955 e convírtese en compositor para series de TV, cinema e teatro. Para os Xogos Olímpicos de Autralia, en 1956, compón música para a equipa ximnástica nipona.

A finais dos 60, fica fascinado cos primeiros álbumes de Walter [Wendy] Carlos, donde este interpreta música clásica cun sintetizador Moog. Tomita, non dubida en mercar un Moog III e comeza a montar o seu propio estudio doméstico. As súas primeiras pezas son arranxos para sintetizador de obras do compositor francés do XIX, Claude Debussy. De aí resulta o álbum Snowflakes are Dancing [1974], que se convirte en grande éxito. A versión, nel contida, do Arabesco nº 1, se utiliza na serie de TV de divulgación astronómica Star Hustler. No Estado español,  nos anos oitenta, o súa versión do Arabesco nº 1 forma parte da cabeceira do extraordinario programa de TVE El Planeta Imaginario, un xenial programa, cuxo innovador formato ficou na memoria de toda unha xerazón.

Nese mesmo ano, 1974, Tomita, compón a música para o filme nipón Last Days of Planet Earth. Naqueles anos utiliza a técnica denominada klangfarbenmelodie, ao usar voces sintetizadas. Os seus seguintes traballos serán de novo arranxos dos seus clásicos favoritos, The Firebird [1975] de Igor Stravinski, Pictures at an Exhibition [1975]de Mussorgsky, ou The Planets [1976] de Gustav Holst.

En 1998 compón unha fantasía sinfónica híbrida para osquestra e sintetizador titulada The Tale of Genji, inspirada nunha historia xaponesa homónima. Dita partitura, orixinal de Tomita, foi interpretada por orquestras tradicionais en Tokio, Los Ángeles e Londres. En 1999 publicouse en CD a gravazón en directo dun daqueles concertos, seguida dunha versión xa de estudio, para sintetizadores, no ano 2000. A súa partitura para sintetizador gañou o premio da Academia Xaponesa en 2003 en recoñecementos aos logros acadados na música. A obra musical de Isao Tomita é numerosa e pode consultarse neste enlace.

Regresamos ao planeta terra. Diálogos 3, Radio 3. Segunda metade do especial dos "Inicios da Música Electrónica" [Isao Tomita]. Conduce: Ramón Trecet




Fontes documentais texto entrada: 
http://es.wikipedia.org/wiki/Isao_Tomita
http://artcontext.com/artskool/jem/itc.html
- http://notoquesmassam.blogspot.com.es/2012/02/krautrock-rebirth-of-germany.html
Outros enlaces interesantes:
- http://www.scannerfm.com/actualidad/%C2%BFque-es-el-krautrock/
- http://www.scannerfm.com/especial/krautrock-music-for-your-brain/
http://www.scannerfm.com/especial/krautrock-abre-tu-mente-y-ii/
- http://www.audionautas.com/2011/03/krautrock-rebirth-of-germany.html

domingo, 3 de abril de 2016

Diálogos 3 - Evolución da música electrónica - Cap.1 WALTER / WENDY CARLOS (01/02/1992)

Wendy Carlos

Retomamos a nosa viaxe por Diálogos 3, nesta ocasión coa primeira metade dun especial emitido o 1 de febreiro de 1992 en Radio 3 [RNE], adicado ao sintesista Wendy (Walter) CarlosA fonte, como sempre, unha vella cita de casete do arquivo sonoro do Pequeno Monstro. 

De seguido transcribimos as verbas coas que Ramón Trecet introduce este especial, complementado cun breviario (ampliado por este blog) da evolución dos instrumentos electrónicos dende os seus alicerces (clavicordio eléctro-mecánico, s. XVIII),  até o s. XX.

"A música electrónica que habitualmente escoitades en Diálogos 3, ten unhas orixes moi concretas que imos tentar de explorar nos dias de hoxe e mañá ao través de dous artistas que, cada un coas súas especias caracteríticas, marcaron unha serie de sendas a seguir, da reproduzón, máis que da produzón, aínda que no caso de Wendy Carlos, a recreación pasou a un segundo termo, despois. Estamos a falar de Wendy Carlos [antes Walter Carlos] e de Isao Tomita.

A cronoloxía de inventos que é necesaria analisar, para chegar ao Mini Moog que utilizou Wendy Carlos nas súas primeiras execucions, podería ser a seguinte:


1761, en Paris, Jean-Baptiste de Labord, inventou un clavicordio electro-mecánico.


1906, Thaddeus Cahill inventa o Telharmonium, un harmonium eléctrico que podemos considerar o primeiro instrumento electrónico significativo.


1919, o físico e músico ruso Serguéievich Termen inventa o Théremin.


1928, Maurice Martenot inventa El Ondes-Martenot, uhna evolución do Théremin, utilizado sobre todo por intérpretes e compositores da chamada música “clásica contemporánea”.


1934, en EEUU el Sr. Laurens Hammond patenta un instrumento que seria o órgano Hammond, con aplicaciones na música rock de importancia, baseado en principios de eletromagnetismo e de amplificación ao través de altavoces individuais [este inventor operou noutros campos, coma nos primeiros cambios automáticos para automóveis, por ex.]. Nos anos 50, comezaron a comercializarse ben variados modelos do Hammond. O son deste órgano tería o seu áuxe moito anos despois [anos 60 e 70], en xéneros tan dispores coma o jazz, soul, gospel, música lixeira, rock ou ska.


1945, como causa e efecto da 2º Guerra Mundial, nos seus últimos meses, as tropas estadounidenses entran na cidade alemá de Colonia. A cidade semella abandonada polos nazis, mais sorprendentemente as emisoras de radio locais continúan a emitiro propaganda nazi. Cando as tropas acceden as emisoras, se atopan as instalacións sen persoal algún e, no seu lugar, aparellos reprodutores de citas magnetofónicas lanzando mensaxes ao ár. O exército norteamericano enfróntase por vez primeira a `cita magnetofónica´, un invento que, a partir de entón, tería unha aplicación civil e industrial que revolucionaria a radio e a propia industria musical. Até daquela, se coñecía `o cabo metálico magnetofónico´, un magnetofón pouco versátil e con mala cualidade de son. Máis tarde, nos anos sesenta, aparece un instrumento cuxa base son as citas magnetofónicas, o Mellotrón.

1960, O Mellotrón, como evolución dun invento chamado Chamberlin, foi un instrumento fudamentado nas citas magnetofónicas. Tratábase dun teclado, cuxa presencia semellaba un piano convencional, capaz de reproducir ao través de tres canles, citas pregrabadas.


Como vemos, os instrumentos musicais, van evoluindo en base ao desenvolvemento da tecnoloxía en cada momento da historia, non só canto a súa creación como tal, senón canto ao seu perfeccionamento ou aplicación práctica.


Entre 1951 e 1957, a compañía RCA [Radio Corporation of America] ao través das investigacións levadas ao cabo polos doutores Harry Olson e Herbert Belarel, nun centro de investigación de música eletrónica na Universidade de Princeton [Nova Jersey-EEUU], crea o primeiro sintetizador da historia, o MARK II. Medía uns 5 metros de longo por 2 de alto. Aínda pode verse funcionando no Columbia Princeton Eletronic Music Center de Nova Iorque.


De 1955 a 1967, o doutor en electrónica Robert Moog, inventa el sintetizador Moog, cuxa evolución sería o Mini Moog, instrumento electrónico do que se dicía era capaz de crear unha gama case infinita de sons. Robert Moog, foi galardonado no ano 2001 co Polar Music da Real Academia da Música de Suecia, considerado coma o Nobel da Música.

En 1966, Robert Moog, se pon en contacto co único músico que ten título de enxeñeiro electrónico por entòn, Walter Carlos [despois cambiaria de sexo, pasando a chamarse Wendy Carlos] dando lugar esta colaboración a primeira obra deste músico,`Switched on Bach´ [1967], donde Carlos recrea electrónicamente obras de J.S. BachDaquela, unha das compañías de música electrónica máis potente nos EE.UU., a Columbia Broadcasting Systems [CBS], realiza una convención de enxeñeiros electrónicos, donde se apresentará o Mini Moog e a mencionada obra `Switched on Bach´, sorprendendo aos enxeñeiros electrónicos asistentes a aquela convención,


O ano seguinte, 1968 a CBS publica finalmente `Switched on Bach´,  acandando no mercado un número de vendas moi superior ás que Robert Moog e Walter Carlos tiveran imaxinado.


En paralelo a todos istes inventos e evolucións, se estaban a producir outra series de avances que revolucionarían a música nas seguintes décadas. Son as primeiras aproximacións á que, poderiamos considerar, primeira guitarra eléctrica. Así, a mediados dos anos 30 o músico Lester William Polsfuss [coñecido coma Les Paul], comezou a combinar o seu talento coma guitarrista con experimentos coa electricidade, nos sotos da súa casa. Tiña 26 anos e vivía en Nova Iorque. Les Paul, sofre unha descarga eléctrica de tal gravidade que, asustado, decide abandonar as experimentacións durante un par de anos, centrándose no acompañamento á guitarra de cantantes coma Nat King Cole e Bing Crosby.



En 1947, Les Paul decide volver á experimentación, logrando unha versión sosfisticada e segura de guitarra eléctrica coa que grava a composición `Lover´. Aquela canción, resultou un dos primeiros experimentos de enxeñería de gravación, xa que chegou a rexistrar a melodía oito veces, a distintas velocidades, e logo misturalas creando a ilusión dunha orquesta completa. A casa Capitol editou aquelo, sendo un suceso, chegando o público a considerar aquilo [finais anos 40] coma `música futurista´.


Mais, esculcando con profundidade na historia do blues, uns vinte anos anos antes, entre 1920 e 1929 [ano do Crack financieiro e década máxica do blues], nos atopamos con dous músicos negros [Les Paul era branco], que non foron quen de patentar alquel invento e que algúns historiadores sitúan coma os verdadeiros artífices daquela primeira aproximación á `guitarra eléctrica´. Trátase de Charlie Christian [Jazz] e Aaron T-Bone Wolker [Blues], era o ano 1929. A historía é a que segue; durante unha actuación do guitarrista Aaron T-Bone Wolker en Chicago, nun clube donde había demasiado ruido, procurando unha solución técnica que amplificase o son da súa guitarra, sitúa o microfone de voz da época diante da caixa da súa guitarra acústica, engadindo unha rádio de válvulas do momento coma amplificador. Como era normal, naqueles auténticos e orixinais bluesman pretos, aquel invento non foi patentado, nen moito menos trascendeu á historia oficial dos descubrimentos o nome destes dous pioneiros, a diferenza do acontecido co guitarrista branco Les Paul.


Xa nos anos 40 se inventa o contrabaixo eléctrico. Nas décadas seguintes, coa eclosión do rock & roll, chega a popularización de moitos dos instrumentos electrónicos dos que falamos aquí...".


Sintonizamos. Evolución da música electrónica [Cap. 1 Walter/Wendy Carlos]. Condude: Ramón Trecet.



+ info: http://www.audionautas.com/2011/03/wendy-carlos-y-la-genesis-de-switched.html

Imaxes:  Portada Switched on Bach [1976] + imaxe de Robert Moog.

venres, 1 de abril de 2016

Diálogos 3 - Especial MARK ISHAM (06/08/1991)

Mark Isham

Novo especial da serie DIÁLOGOS 3. Nesta ocasión, un programa monográfico emitido o 6 de agosto de 1991 en Radio 3 [RNE], adicado ao trompetista, pianista e produtor MARK ISHAM, apresentado por Lara López.

A fonte, como sempre, unha vella cita de casete no arquivo sonoro do Pequeno Monstro.

MARK ISHAM, nace un 7 de setembro de 1951 en Nova Iorque. Na súa adolescencia xuntábase cos seus amigos nos garaxes das súas moradas para fazer músicas. Entre eles estaban, Terry Bozzio, Peter Maunu e Patrick O´Hearn.

Ao cumprir 20 anos comeza a estudar programación de música electrónica, aínda que mantén a trompeta coma instrumento principal na súa carreira coma compositor.

Traballos por el asinados, coma Vapor Drawings, Castalia ou Tibet foron nominados aos premios Grammy. Ademáis foi galardonado nos Emmy e candidato aos Globos de Oro e Oscar. De feito, Mark Isham é actualmente un dos tres compositores de BSO de filmes máis recoñecidos, xunto a Ennio Morricone e John Williams.

No seu haber están máis dun cento de músicas para filmes. A banda sonora de
The Moderns [Alan Rudolph, 1988] ou mesmo a sinfonía eletrónico-tribal para o video Tibet, editada por Windham Hill en 1990 (casa discográfica na que Isham editou parte da súa musica), son parte da súa produzón.

ISHAM ten colaborado coma músico de sesión, en traballos doutros artistas: Tanita Tikaram, Suzanne Vega, Art Lande, Taj Mahal, Van Morrison, Joni Mitchell ou, os mesmísimos, Rolling Stones.

Neste especial de DIALOGOS 3, apresentado nesta ocasión por Lara López, escoitaremos un repaso a sua biografía coma músico, parte da súa obra, así coma a súa participación creativa en traballos doutros artistas, por esta orde:

  • Patrick O´Hearn [Rivers Gonna Rise, 1988]
  • Peter Maunu [Warm Sound in a Gray Field, 1990]
  • Mark Isham [BSO Country, 1984 - traballo colectivo]
  • Mark Isham [BOS The Moderns, 1988]
  • Mark Isham [Castalia, 1988]
  • Rubaja & Hernández [High Plateux, 1987] - Isham, produtor.
  • Mark Isham [BSO Tibet, 1990]
  • Mark Isham [BSO Songs my ChildrenTaught me, 1991]

Sintonizamos.
Dirixe: Ramón Trecet. Apresenta: Lara López.


mércores, 30 de marzo de 2016

NIGHTNOISE en concerto comentado por Ramón Trecet. Teatro Calderón de Valladolid (23/04/1991)

 Nightnoise, formación orixinal

Non se trata exactamente dunha edición especial de DIÁLOGOS 3, mais si dun concerto do cuarteto de Oregón, NIGHTNOISE celebrado no Teatro Calderón de Valladolid o 23 de abril de 1991, retransmitido por Radio 3 [RNE] e apresentado e comentado por Ramón Trecet, unha noite dese mesmo ano.

É dicer, que sigo a recuperar alfaias do meu arquivo sonoro, antes de que o tempo acabe por destruir o contiúdo rexistrado neses "artiluxios sonoros" tan entrañábeis [as cintas de casete], que como sabedes xa non se fabrican e das que se veñen de cumprir 50 anos da súa invención.

Aquela noite do 23 de abril de 1991, no Teatro Calderón de Valladolid, o público asistiu a nun dos concertos da, daquela, segunda xira polo Estado español do cuarteto orixinal irlandés-estadounidense:

  • Tríona Ní Dhomhnaill [piano e voz].
  • Billy Oskay [violín e viola].
  • Brian Dunning [frautas].
  • Mícheál Ó’Domhnaill [guitarra].

Como curiosidade, algúns anos despois este mesmo concerto, volveu emitirse en Radio 3 coincidindo coa morte dun dos fundadores de Nightnoise, o guitarrista irlandés Mícheál Ó’Domhnaill [fallecido o 8 de xullo de 2006 aos 54 anos de idade]. Ista re-emisión aconteceu o 15 de xullo de 2006, no programa Músicas Posíbles [Radio 3] de Lara López. Esoutra gravación pode atoparse neste enlace.

O que ides atopar aquí non ten nada que ver con esa re-emisión. É a emisión orixinal do ano 1991, poco despois do concerto, presentada e comentada por Ramón Trecet e da que non teño atopado ningún outro enlace na rede, polo que pode que sexa unha rareza.

A gravación do concerto, tal cual a emisión, dura uns 60 m. Cara o minuto 28 da gravación hai unha interrupción dus segundos debido ao cambio de lado da cita casete. Disfrutádeo.



Video: Nightnoise en Sevilla en 1990, un ano antes que en Valladolid.

Imaxe folleto/ticket entrada concerto Valladolid tirada de: http://rogicas.blogspot.com.es/1991_04_01_archive.html