Amosando publicacións coa etiqueta Ryuichi Sakamoto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ryuichi Sakamoto. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de maio de 2016

Diálogos 3 - Yellow Magic Orquestra (YMO)


Novo especial da serie DIÁLOGOS 3. Nesta ocasión, un monográfico emitido nos primeiros noventa en Radio 3 [RNE] adicado a banda nipona YELLOW MAGIC ORCHESTRA [YMO] e o músico RYUICHI SAKAMOTO, apresenta Lara López. A fonte: unha vella cinta de casete no arquivo sonoro de o Pequeno Monstro que agora dixitalizamos e compartillamos.

Formados en Tokio [Xapón] no 1977 coma Yellow Magic Band pronto cambiarían o seu nome polo de Yellow Magic Orchestra [YMO]. Son considerados os Kraftwerk orientais, coma os alemáns, pioneiros na popularización da música electrónica e moi influíntes no cenario musical do momento e, como veremos, do futuro. Axudaron a desenvolver o synthpop e o ambient, anticipando os ritmos e sons de xéneros coma o electro, ou mesmo a estabelecer as bases do japanese-pop contemporáneo, así como influerciar a música house, techno e de movimentos como o hip-hop.

A YMO naceu conformada por Haorumi Hosono [multinstrumentista], Ryuichi Sakamoto [teclados], Yukihiro Takahashi [percusión] e Hideki Matsutake [programador de secuencias], os catro interesados na música electrónica. En 1978 debutan discográficamente en Xapón cun álbum homónimo. O éxito do seguinte álbum, "Solid State Survivor" [1979] lévaos de xira por USA. Xa en 1980 realizan unha xira por Europa, década na que editaron numerosos álbumes e recompilatorios. 

Cada un dos integrantes da YMO ten realizados traballos en solitario e colaborado con artistas da cualidade de: David Sylvian e Steve Jansen [da banda Japan], Andy Mckay e Phil Manzanera [Roxy Music] o senegalés Youssou N´Dour, mesmo colaboracións con bandas coma 808 State ou The Orb, entre outras.

Yellow Magic Orquestra
Un dos seus máis intrépidos integrantes, Ryuichi Sakamoto, nos primeiros setenta experimentaba coa equipa de música electrónica da Universidade Nacional de Belas Artes e Música de Tokio, traballando cos primeiros sintetizadores: os míticos Buchla, Moog e o ARP. Nos oitenta apareceu coma actor xunto a David Bowie no filme "Feliz Nadal, Mr. Lawrence" [1983, Nagisa Oshima], ademáis de escribir a súa BSO. En 1987 gaña un Oscar pola composición parcial da BSO de "O Ultimo Emperador" [Bernardo Bertolucci]. En 1989 compón a BSO do filme "O ceo protector", tambén de Bertolucci. En 1992, compón a música dos Xogos Olímpicos de Barcelona.

Sakamoto é ademáis coñecido por ser contrario as actuais leis de propiedade intelectual, pola súa conciencia ecolóxica e por ser fundador e colaborador do AP Bank [Artist Power Bank], unha ONG que outorga microcréditos sen intereses a pequenos empresarios para que financien os seus proxectos innovadores [reciclaxe industrial, transporte non contaminante...].

Cara o ano 1984, cada un dos membros da Yellow Magic Orquestra [YMO] céntrase en proxectos en solitario. Xa no ano 2000, xurde a banda paralela Sketch Show, resultado da alianza dos membros orixinais da banda, Hosono e Takahashi, formación que pasaría a chamarse Human Audio Sponge. En agosto de 2007, unha nova alianza entre Hosono, Takahashi e Sakamoto da lugar á banda HASYMO. Xa no ano 2009, retoman a denominación orixinal, YMO, coa que se manteñen activos até hoxe, xa sen a presenza de Matsutake.

En definitiva, a marabillosa aventura dunha banda nipóna auténtica, moi influinte na nova música do momento e décadas posteriores. Facendo un chiscadelo ao álbum que publicou Sakamoto en 1984, unha formación que figura en letras douradas na Enciclopedia Musical Ilustrada da nosa era.

Sintonizamos, primeiros anos noventa, tres da tarde, Diálogos 3, Radio 3 [RNE]. Especial YMO & Ryuichi Sakamoto. Apresenta: Lara López.


Texto: adaptación do Pequeno Monstro.
Fontes información: http://stereofilia.blogspot.com.es, http://elviajesonico.blogspot.com.eshttp://www.neuquenelectronica.com.ar e http://es.wikipedia.org/wiki/Ry%C5%ABichi_Sakamoto

Libre difusión, con indicación de fonte documentaria (Pequeno Monstro) i enlace a este blog, grazas.