sábado, 16 de abril de 2016

PAUL WINTER CONSORT - Palacio de Congresos y Exposiciones de Madrid - 25/01/1991 (Radio 3-RNE)

Paul Winter Consort

Nesta entrada oferézovos un dos dos primeiros concertos no Estado español da formación de world-music, PAUL WINTER CONSORT, celebrado no Palacio de Congreso e Exposiciones de Madrid o venres 25 de xaneiro de 1991, según a retransmisión en directo de Radio 3 [RNE], ese mesmo día. A fonte sonora: unha cinta casete que dixitalizamos do arquivo do Pequeno Monstro.

O concerto foi organizado polo Club de Música e Jazz San Juan Evangelista e etiquetado pola organización coma "New Age", dentro dunha xira que, aquel ano, o levaría por diversas cidades do Estado, incluido o país galego, Compostela.


Os comentarios, durante aquela retransmisión, foron realizados por José Miguel López [Discópolis], dende no propio concerto e por Jesús Ordovás [Diario Pop], dende os estudios de Radio 3 [RNE]. Unha estrana conxunción de locutores...


Naquela ocasión o Paul Winter Consort estaba conformado por:

  •  Paul Winter, saxo soprano.
  •  Paul Halley, piano.
  •  Eugene Friesen, violonchelo.
  •  Rhonda Larson, frauta.
  •  Glen Vélez, percusón.
Con respeito da catalogación da música de Paul Winter coma "New Age", no transcurso dunha charla-coloquio organizada polo Club Musical Delta da Universidade Politécnica de Madrid [UPM] poucos días antes do concerto, transcrita no fanzine En Cintas Vírgenes [marzo de 1991], o propio Paul Winter comenta o que de seguido transcribimos:

"Onde quixer que haxa unha nova tendencia en EE.UU o negocio da música comercial aparece. No transcurso dos 25 anos que levo fazendo música, vin nacer ao redor de dez ou doce etiquetas diferentes para catalogar un tipo de música, do mesmo xeito que as vin desaparecer. É moi difícil que unha etiqueta describa correctamente un tipo de música. Normalmente non me importa como a xente chame a miña música mentres a escoite. Se hai unha etiqueta que particularmente impide escoitar a nosa música preferimos que non nola atribúan. New Age, en EE.UU, convertiuse nunha etiqueta asociada coa música creada ´nas nubes´, e nós, que sempre fixemos reverencia a Terra (Gaia), as raigumes, preferimos chamala Earth Music. Ao sermos unha banda acústica temos características especiais, pois a música electrónica dominou claramente a cultura occidental nos últimos 20 anos. Cando a xente escoita a nosa música acústica pensa que ouven algo novo e conclúen que como tocamos música acústica durante 25 anos, debemos ser os inventores da New Age music, mais, eu digo que os instrumentos acústicos levan sobre a faz da terra milleiros de anos e nós non os inventamos (..)".

O Paul Winter Consort é unha formación multicultural fundada no ano 1967, liderada polo saxofonista e destacado activista medioambiental Paul Winter [Altoona, Pennsylvania, 1939]. O grupo mistura elementos da música de cámara, jazz e world-music, así como vozes de animais [lobos, baleas...] e da natureza. Ao longo dos anos pasaron pola formación outros músicos, que conformaron o denominado Consort: David Darling, Paul Mc Candless, Ralph Towner, Glen Moore, Collin Walcott [todos estes tambén integrantes da formación de Jazz Fusión OREGÓN], Nancy Rumbel, Jim Scott, Russ Landau, Susan Osborn, Oscar Castro-Neves, Nóirín Ni Riain, Davy Spillane... Moitos deles gravaron para o selo Living Music, creado polo propio Paul Winter para a auto edición dos seus traballos.

Nestoutro enlace atoparedes unha crónica daquel concerto publicada no diario El País: http://elpais.com/diario/1991/01/27/cultura/664930804_850215.html


Sintonizamos. Paul Winter Consort no Palacio de Congresos y Exposiciones de Madrid tal como o retransmitiu Radio 3 ese mesmo día, 25 de xaneiro de 1991.


Imaxe do Tiquet entrada orixinal concerto Paul Winter Consort, Palacio Congresos, Madrid, 25/01/1991, tirada do blogue: http://rogicas.blogspot.com.es/1991/01/paul-winter-consort-en-el-palacio-de.html.

Libre difusión, con indicación de fonte documentaria (Pequeno Monstro) i enlace a este blog, grazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gracias por tus comenarios!!